982 410 968 - 698 167 991    rutavino@ribeirasacra.org
Ruta do Viño. Ribeira Sacra

A Ruta do Viño


A Ruta do Viño da Ribeira Sacra esténdese polos 20 municipios, entre o sur da provincia de Lugo e o nordés da de Ourense, que compoñen o territorio da D.O. Ribeira Sacra: Portomarín, Paradela, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Taboada, Chantada, Sober, Carballedo,  A Peroxa, A Pobra de Trives, Manzaneda, A Teixeira, Castro Caldelas, Parada do Sil, San Xoán de Río e Nogueira de Ramuín.

As ladeiras do Miño e Sil e outros ríos menores cubertas de viñedos en socalcos, os seus canóns e as numerosas igrexas e mosteiros marcan a paisaxe e definen o seu carácter. Sen esquecer a diversidade da súa flora, cos seus bosques autóctonos, principalmente de castiñeiros e carballos, as zonas de montaña como Cabeza de Manzaneda ou o Faro e a vexetación propia dos espazos de ribeira.

A esta paisaxe natural e patrimonial, debemos unir as adegas visitables, hoteis, casas de turismo rural, restaurantes, actividades de lecer, museos e centros de interpretación, enotecas, tendas especializadas, información turística,… como algúns dos principais atractivos que nos ofrecen estas terras.

A través da Ruta do Viño da Ribeira Sacra propoñémosche unha selección de establecementos tematizados para gozar da cultura do viño, a súa paisaxe, os seus monumentos, a súa artesanía, as súas tradicións e a súa xente en parella, en familia, con amigos, durante unha escapada de fin de semana, uns días de vacacións ou un longo retiro.

A Ribeira Sacra enténdese desde o viño: as ribeiras, as adegas, a vendima, os viticultores ... Pero a partir do viño hai todo un mundo por descubrir: aldeas recónditas perdidas no tempo, adegas cheas de encanto e adegas coa última tecnoloxía, catas de viños tradicionais y experimentais, noites en aloxamentos cheos de encanto, experiencias gastronómicas en restaurantes e sempre baixo o embruxo do contacto directo coa natureza.

A Ribeira Sacra é unha zona perfecta para visitar en calquera época do ano. Cada estación resalta a súas propias características. A primavera agasállanos co verde das cepas sobre ladeiras enteiras, dando paso ao verán cando se visten co seu mellor verde. O outono, época de vendima, viste a paisaxe cos vermellos e amarelos das follas de cada variedade e o inverno dá paso á pedra que se deixa ver entre as cepas.

Agader
Xunta de Galicia
Galicia
Feader
Ministerio de Agricultura y Pesca. Alimentación y Medio Ambiente