982 410 968 - 698 167 991    rutavino@ribeirasacra.org
Ruta do Viño. Ribeira Sacra

O viño


A Denominación de Orixe Ribeira Sacra constituíuse no ano 1996 coa finalidade de protexer a orixe, garantir a calidade e promocionar o seus viños. A Denominación comprende 5 subzonas: subzona de Amandi, subzona de Chantada, subzona de Quiroga-Bibei, subzona de Ribeiras do Miño e subzona de Ribeiras do Sil.

Coa creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra o sector profesionalízase e dinamízase, rehabilítanse os viñedos en socalcos e recupérase o carácter vinícola da súa paisaxe, dando lugar cada ano a un viño singular e de marcada personalidade.

O clima atlántico de tendencias mediterráneas, a función termorreguladora que exercen os ríos, o chan pizarroso-esquistoso o granítico, a disposición en socalcos que favorece a drenaxe do chan e as ladeiras ben insoladas son algúns dos factores claves que determinan a calidade da uva e distinguida personalidade dos viños da Ribeira Sacra. Os vinos protexidos baixo esta denominación elabóranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades, entre as que predominan as autóctonas: 

  • Preferentes:  
    1. Tintas: Mencía, Brancellao, Merenzao, Sousón, Caíño, Tinto e Tempranillo.
    2. Brancas: Godello, Albariño, Loureira, Treixadura, Dona Branca e Torrontés.
  •  Autorizadas: Tintas: Garnacha Tintorera e Mouratón.


Os tipos de viño que ampara a Denominación de Orixe Ribeira Sacra clasifícanse en Ribeira Sacra e/ou Ribeira Sacra Súmmum. Os viños Ribeira Sacra son os tintos elaborados, como mínimo, cun 70% de variedades tintas preferentes. Os Ribeira Sacra Súmmum son viños elaborados, como mínimo, cun 85% de variedades preferentes, sendo nos tintos a variedade Mencía, cando menos, un 60% do total. 

Baixo esta denominación os viños poden facer mención do termo Barrica se cumpren as seguintes condicións:

  • No caso dos viños tintos, deberán permanecer un mínimo de seis meses en barricas de madeira. 
  • No caso dos viños brancos, deberán permanecer un mínimo de tres meses en barricas de madeira. 

A distribución dos viñedos en terrazas ou socalcos para salvar a pendente do terreo, que pode chegar ao 100%, impide a mecanización dos traballos, a excepción de carrís puntuais que existen nalgunhas viñas para trasladar caixas na época de vendima. Estas condicións do terreo complican especialmente os labores coas cepas e facen que viticultores e adegueiros desafíen á vertixe desde os socalcos, convertendo a Ribeira Sacra nun dos maiores expoñentes do que se coñece como “viticultura heroica”. Este termo fai referencia á viticultura baixo condicións complexas. Os viñedos de Viticultura Heroica deben presentar dificultades estruturais permanentes como:

  • Altitude superior a 500 m.
  • Pendente do terreo superior ao 30%.
  • Viñedo en socalcos ou terrazas.
  • Pequenos viñedos.

Desde 2011 o CERVIM, organismo internacional que se encarga de poñer en valor e difundir a viticultura de montaña ou Viticultura Heroica, conta cun selo específico que define este tipo de viticultura e que en España só están autorizados a utilizar un par de Denominacións de Orixe, entre elas a da Ribeira Sacra. O Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta é a cita máis importante para as D.O. deste tipo de viticultura asociadas ao CERVIM; e os viños da Ribeira Sacra acostuman a lograr grandes satisfaccións nela.

O viño, un dos principais motores económicos da zona e impulsor da Ribeira Sacra como destino turístico, conta con varias feiras. Unha das máis populares e concorridas é a Feira do Viño de Amandi, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebra en Sober a fin de semana do Domingo de Ramos.

Cita obrigada é a Feira do Viño de Chantada, encargada de abrir a tempada. A Feira do Viño de Pantón é tamén un importante referente para adegueiros e público. A cita máis tradicional, a primeira fin de semana de maio, ten lugar na Cata do Viño de Vilachá de Salvadur. A degustación dos viños lévase a cabo dentro das centenarias adegas de pedra, onde tamén se celebran comidas e actuacións musicais. A boa acollida das actividades vinculadas á exaltación do viño deu como resultado novas propostas noutros municipios como a Festa do Viño da Peroxa, a Feira do Viño de Castro Caldelas e a Feira do Viño de Belesar.

Agader
Xunta de Galicia
Galicia
Feader
Ministerio de Agricultura y Pesca. Alimentación y Medio Ambiente